viernes, 10 de marzo de 2023

SEMANA DA PRENSA E DIA INTERNACIONAL DA MULLER "PON OS LENTES VIOLETAS"

Para a conmemoración da Semana da Prensa e do Día Internacional da Muller, dende a dinamización da Biblioteca e de Igualdade propuxemos unha actividade conxunta na que se relacionaron ambas temáticas.

Os lentes violetas son unha metáfora para explicar como se ve a vida con perspectiva de xénero, e dicir, proporcionar unha mirada crítica para descubrir as desigualdades entre homes e mulleres no día a día.

Co lema "Pon os lentes violetas para ver as desigualdades entre homes e mulleres" no mes de marzo realizamos diferentes actividades. 
 
"Pon os lentes violetas (para cambiar os titulares de prensa)": En educación infantil contamos o número de homes e de mulleres que aparecen nas fotografías que acompañan as noticias. En educación primaria analizamos titulares de prensa e tras a reflexión da mensaxe que lanzan e onde identifican o sexismo, redactaron titulares alternativos non discriminatorios que representan a mensaxe real.

"Obradoiro de contrapublicidade feminista" impartido por A Morada ao alumnado de 6º de primaria. Despois da análise e reflexión sobre a imaxe das mulleres na publicidade compuseron colectivamente anuncios contrapublicitarios mediante a colaxe colectiva.

"Desde peques moi diverXos": obradoiro de diversidade afectivo-sexual, de xénero e familias, impartido pola Asociación Nós Mesmas ao alumnado de 1º, 3º e 5º de primaria.

Visita do Comando Igualdade, do IES Alexandre Bóveda, para contarnos a súa experiencia.